domingo, 22 de febrero de 2015

Chasula en la Televisión de Galicia dentro del proyecto Turismo Mariñeiro de Galicia

Nuestro barco Chasula en el Telexornal del sábado 21 de febrero dentro del proyecto Turismo Mariñeiro.




Enlace TVG

Converter os oficios do mar nun atractivo máis para os visitantes é o obxectivo do turismo mariñeiro, que desde hai anos medra en Galicia. Agora, unha páxina web recolle esta oferta que dá a coñecer os nosos recursos pesqueiros e ambientais.

Saímos aos areais da Illa de Arousa, e quen mellor ca Marta, unha mariscadora que peneira estas praias a diario para amosarnos as diferenzas entre unhas ameixas e outras.

"Esta é unha xaponesa. É unha ameixa que non é autóctona de Galicia pero foi sementada aquí e agora reprodúcense por toda a Illa e por moitos sitios. Pero esta é a ameixa típica de aquí, da zona, a que nos lle chamamos a ameixa fina, ou a ameixa sá. É a ameixa que máis aguanta fóra da auga"

O mesmo ocorre a bordo do Chasula. Desta volta é Leiro quen nos conta como cría o mexillón nas bateas, como lles afecta a toxina e por que é un recurso limitado.

"Está todo lexislado, vale? Hai anos, cando se empezou con este cultivo, eran libres. Non había nin límite de cordas nin límite de medida. Que pasaba? Que aquelas bateas da esquina comían todo e non chegaba o placton ata alá ao fondo. Entón lexislouse e agora son de cincocentas cordas e 12 metros de longo. Non pode haber máis."

Son experiencias que nos permiten achegarnos ao mar dun xeito alternativo ao turismo de sol e praia. E que ademais reforzan valores ambientais e de respecto ao patrimonio marítimo.

"A experiencia de hoxe é moi diferente. A verdade é que isto para nós, que vivimos na cidade é algo distinto, fenomenal, porque vers como vive a xente do mar e as actividades que hai relacionadas co mar".

Agora, nace unha axencia na rede na que se pode consultar a oferta que hai en Galicia, como nos conta un dos socios fundadores, Pablo Mariño.

"O que queremos é promover a través da nosa web toda a cultura tradicional galega comunicada dun xeito actual, de comunicación web e tamén darlle importancia ás redes sociais e ofrecer o que xa temos"

Bluscus inclúe ademais ofertas de gastronomía, xornadas de pesca e visitas ás Illas Atlánticas.

No hay comentarios: